miércoles, 16 de noviembre de 2011

Día da Filosofía

No 2005 na Unesco acordaron que o terceiro xoves de novembro de cada ano se celebrase o día Mundial da Filosofía. E niso andamos. 
A súa finalidade -dinnos- é animar aos pobos do mundo a compartir a súa herdanza filosófica e abrir as súas mentes a novas ideas, así como a inspirar un debate público entre os intelectuais e a sociedade civil sobre os desafíos que enfronta a nosa sociedade. 
Déixovos un enlace cun artigo xornalístico do filósofo Víctor Gómez Pin, no que relaciona este Día da Filosofía cos Dereitos Humanos, en particular co dereito a unha educación entendida como desenvolvemento da personalidade, na que a filosofía ten moito co que contribuir. Pois como nos lembra este autor: "La filosofía tiene sus problemas específicos, archivados en los grandes textos de su historia, pero tales problemas son el resultado de que el ser humano ha experimentado siempre una suerte de estupor ante la naturaleza y ante su propia existencia, estupor que le lleva a interrogarse, traduciendo sus vacilaciones y respuestas en conceptos y símbolos."

lunes, 14 de noviembre de 2011

Cuestionario sobre áGORA"

Para o alumnado de Historia da Filosofía de 2º Bach, a continuación indico o cuestionario que ha de responder (voluntariamente) despois de visionar a película "Ágora", de Alejandro Amenábar. O traballo pódese enviar por correo electrónico ou entregarme na clase como máximo ata o 5 de decembro.  Espero que disfrutedes do seu visionado!



1. Resumo e ficha técnica da película.
2. Onde está situada a polis de Alexandría? Cales eran as súas principais construcións? (non esquezas investigar sobre a palabra “faro”).
3. Investiga un pouco máis sobre Hipatia.
   a) Recolle algunha información sobre ela que non apareza na película.
   b) A que corrente filosófica pertencía? En que século vivíu?
4. Quen era o pai de Hipatia?
5. Que é o cono de Apolonio?
6. Cal é o nome do Prefecto romano?Como é a súa relación con Hipatia?
7. Busca breve información sobre Aristarco de Samos (século en que vive, teoría explicativa do universo)
8. Busca breve información sobre Ptolomeo (século en que vive, teoría explicativa do universo)
9. Indica e describe brevemente tres escenas da película que che gustasen especialmente
10. Indica algúns temas sobre os que investigou Hipatia, segundo o filme.
11. Explica o por que do título da película.
12. Comentario ou opinión sobre a película en xeral.
* Este traballo poderá subir ata 0,5 ptos sobre a nota do exame de Aristóteles.

domingo, 6 de noviembre de 2011

Así vemos nós a caverna platónica

En 2º Bac B, este curso están artistas e algúns ofrécennos a súa particular reinterpretación do mito da caverna. Déixovos aquí a de Samuel Iglesias e a de Natalia Bello. É posible que se animen máis... (e por suposto tamén as publicaremos). 





Esperamos poder subindo aquí as nosas propias "notas a pé de páxina" á Historia da filosofía occidental (algo termos que dicir, ¿non si?). 



domingo, 23 de octubre de 2011

AS MÚLTIPLES INTELIXENCIAS

Como seguramente víchedes nas noticias, acaban de conceder o Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais a HOWARD GARDNER (1943-...). Este neurólogo é o autor da teoría das intelixencias múltiples, na que afirma que a intelixencia humana non é única (isto é, non é só lóxica matemática, que é o que miden os test de intelixencia). Define a intelixencia como a capacidade de resolver problemas ou elaborar produtos que sexan valiosos nunha ou máis culturas.  Cada individuo -dinos- posúe cando menos 8 habilidades cognoscitivas (primeiramente falou de sete intelixencias, e logo foi sumando outros tipos).
 Influiu moito en DANIEL GOLEMAN, de quen falamos na última clase de Ética, un psicólogo estadounidense que escribiu a difundida obra "Inteligencia emocional" (1995), na que desenvolve dous dos tipos de intelixencia de que fala Gardner: a intelixencia intrapersoal (capacidade do individuo para coñecerse a si mesmo, analizarse...) e a interpersoal (capacidade empática, de entender aos demais, poñerse no seu lugar...).  
Como doadamente se pode deducir, esta teoría é de gran relevancia para enfocar as prácticas  educativas e de aprendizaxe. 
Déixovos un enlace a un video no que se recolle unha entrevista con Gardner, na que el mesmo explica a súa teoría. 

domingo, 16 de octubre de 2011

MÁTRIX E O MITO DA CAVERNA

Sobre o mito da caverna platónico hai multitude de interpretacións e valoracións. Películas como Mátrix (1999) ou O show de Truman (1998), poden entenderse como recreacións do mesmo ou, cando menos, poden establecerse bastantes similitudes. Déixovos aquí un video no que se presenta un claro paralelismo entre a película de Mátrix e o mito da caverna. 




Se queredes penetrar un pouco máis directamente nos diálogos de Platón, podedes visitar o sitio web de aula de filosofía. E se sodes amantes das matemáticas, suxírovos este video sobre o pato Donald e a sección áurea que está bastante ben para ver o papel desta ciencia nos pitagóricos e en Platón.








viernes, 7 de octubre de 2011

XUÍZO A SÓCRATES

A figura de Sócrates, a súa vida e todo o proceso que conducíu á súa morte foi recreado no mundo da arte infinidade de veces. Aquí vos deixo un fragmento da película de O mundo de Sofía, baseada na obra do mesmo título, de Jostein Gaarder (en 1991), no que se recolle o xuízo e condena a Sócrates. 
Neste fragmento utilízanse imaxes da película Sócrates, que dirixiu Roberto Rossellini en 1971 e que tamén está accesible na rede. 


Espero que o disfrutedes!

domingo, 25 de septiembre de 2011

Primeira parada: PLATÓN



Comezamos a nosa viaxe no tempo, en Historia da filosofía, mergullándonos no mundo da Antiga Grecia e axiña meterémonos en profundidades maiores para tratar sobre Platón. Como axuda  para esta empresa, tedes xa dispoñibles as presentacións desta primeira unidade (1,2,3) na pestana de Descargas.