domingo, 23 de octubre de 2011

AS MÚLTIPLES INTELIXENCIAS

Como seguramente víchedes nas noticias, acaban de conceder o Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais a HOWARD GARDNER (1943-...). Este neurólogo é o autor da teoría das intelixencias múltiples, na que afirma que a intelixencia humana non é única (isto é, non é só lóxica matemática, que é o que miden os test de intelixencia). Define a intelixencia como a capacidade de resolver problemas ou elaborar produtos que sexan valiosos nunha ou máis culturas.  Cada individuo -dinos- posúe cando menos 8 habilidades cognoscitivas (primeiramente falou de sete intelixencias, e logo foi sumando outros tipos).
 Influiu moito en DANIEL GOLEMAN, de quen falamos na última clase de Ética, un psicólogo estadounidense que escribiu a difundida obra "Inteligencia emocional" (1995), na que desenvolve dous dos tipos de intelixencia de que fala Gardner: a intelixencia intrapersoal (capacidade do individuo para coñecerse a si mesmo, analizarse...) e a interpersoal (capacidade empática, de entender aos demais, poñerse no seu lugar...).  
Como doadamente se pode deducir, esta teoría é de gran relevancia para enfocar as prácticas  educativas e de aprendizaxe. 
Déixovos un enlace a un video no que se recolle unha entrevista con Gardner, na que el mesmo explica a súa teoría. 

domingo, 16 de octubre de 2011

MÁTRIX E O MITO DA CAVERNA

Sobre o mito da caverna platónico hai multitude de interpretacións e valoracións. Películas como Mátrix (1999) ou O show de Truman (1998), poden entenderse como recreacións do mesmo ou, cando menos, poden establecerse bastantes similitudes. Déixovos aquí un video no que se presenta un claro paralelismo entre a película de Mátrix e o mito da caverna. 




Se queredes penetrar un pouco máis directamente nos diálogos de Platón, podedes visitar o sitio web de aula de filosofía. E se sodes amantes das matemáticas, suxírovos este video sobre o pato Donald e a sección áurea que está bastante ben para ver o papel desta ciencia nos pitagóricos e en Platón.








viernes, 7 de octubre de 2011

XUÍZO A SÓCRATES

A figura de Sócrates, a súa vida e todo o proceso que conducíu á súa morte foi recreado no mundo da arte infinidade de veces. Aquí vos deixo un fragmento da película de O mundo de Sofía, baseada na obra do mesmo título, de Jostein Gaarder (en 1991), no que se recolle o xuízo e condena a Sócrates. 
Neste fragmento utilízanse imaxes da película Sócrates, que dirixiu Roberto Rossellini en 1971 e que tamén está accesible na rede. 


Espero que o disfrutedes!