domingo, 20 de mayo de 2012

Martha Nussbaum


Aproveitando que acaba de recibir o premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais, é boa a ocasión para achegarnos un pouco á filosofía contemporánea, tan inxustamente esquecida a cotío nas nosas clases. 
Martha Nussbaum é unha filósofa estadounidense (Nova York, 1947), actualmente profesora da universidade de Chicago, que ao longo da súa vida se dedicou a temas de ética e filosofía do dereito e de política; que a carón do premio nóbel de economía Amartya Sen desenvolve unha concepción ética do desenvolvemento económico; que defende o imprescindible papel das humanidades na educación en aras ao logro de calidade democrática;  que é unha gran estudosa feminista...
E dela pódese seguir dicindo moito máis: realizou profundos estudos das emocións, é unha gran coñecedora do pensamento grego (a súa filosofía parte dunha perspectiva aristotélica); foi nomeada como unha dos cen intelectuais máis influíntes do mundo.
Ten pois un currículum impresionante que no ámbito bibliográfico plásmase en arredor de vinte libros publicados, abordando temas como Aristóteles, o amor, a ética, o desexo, a xustiza, a poética, o desenvolvemento humano, a intelixencia das emocións, o sexo, a xustiza social, as mulleres.
Procuraremos "amoblar" a nosa biblioteca con algún libro seu, para así poder "amoblar" un pouco máis a nosa cabeza. 

sábado, 12 de mayo de 2012

De visita en Santiago

O motivo principal da nosa saída a Santiago o pasado martes 8 de maio era achegarnos ao Parlamento galego. 
Non obstante, previamente a cumprir con ese obxectivo, o alumnado de 1º de Bacharelato foi ata a Cidade da cultura, no Gaiás, onde puidemos ver as maquetas, algunha pequena exposición e a inmensa biblioteca (por espazo, non tanto por volumes). Mentres, as alumnas de Ética e Filosofía do Dereito foron a ver ao tan polémico ultimamente Valedor do Pobo
Choveunos sen parar, pero  hai que dicir que a agua non baixou o bo humor. Tras un mediodía, ben pasado por auga, entramos no edificio do Parlamento, na rúa do Hórreo.
Alí guiounos -como vén sendo xa tradición- Hixinio, falou con nós Carme Adán, parlamentaria do BNG e Vicesecretaria da Mesa do Parlamento, e tamén acompañounos Alberto Sueiro, diputado do PP por Carballo. Ademais de parte das instalacións (Biblioteca Carballo Calero, salas de comisión e dos grupos parlamentarios) asistimos a un anaco dun vivo debate en torno á lingua galega, quentando xa ambiente para o día das letras galegas.
De todos modos, o momento máis destacable da visita foi cando varias compañeiras fixeron un amago de debate de propostas de lei; déixovos aquí un vídeo cun fragmento das súas intervencións.