domingo, 23 de octubre de 2011

AS MÚLTIPLES INTELIXENCIAS

Como seguramente víchedes nas noticias, acaban de conceder o Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais a HOWARD GARDNER (1943-...). Este neurólogo é o autor da teoría das intelixencias múltiples, na que afirma que a intelixencia humana non é única (isto é, non é só lóxica matemática, que é o que miden os test de intelixencia). Define a intelixencia como a capacidade de resolver problemas ou elaborar produtos que sexan valiosos nunha ou máis culturas.  Cada individuo -dinos- posúe cando menos 8 habilidades cognoscitivas (primeiramente falou de sete intelixencias, e logo foi sumando outros tipos).
 Influiu moito en DANIEL GOLEMAN, de quen falamos na última clase de Ética, un psicólogo estadounidense que escribiu a difundida obra "Inteligencia emocional" (1995), na que desenvolve dous dos tipos de intelixencia de que fala Gardner: a intelixencia intrapersoal (capacidade do individuo para coñecerse a si mesmo, analizarse...) e a interpersoal (capacidade empática, de entender aos demais, poñerse no seu lugar...).  
Como doadamente se pode deducir, esta teoría é de gran relevancia para enfocar as prácticas  educativas e de aprendizaxe. 
Déixovos un enlace a un video no que se recolle unha entrevista con Gardner, na que el mesmo explica a súa teoría. 

domingo, 16 de octubre de 2011

MÁTRIX E O MITO DA CAVERNA

Sobre o mito da caverna platónico hai multitude de interpretacións e valoracións. Películas como Mátrix (1999) ou O show de Truman (1998), poden entenderse como recreacións do mesmo ou, cando menos, poden establecerse bastantes similitudes. Déixovos aquí un video no que se presenta un claro paralelismo entre a película de Mátrix e o mito da caverna. 




Se queredes penetrar un pouco máis directamente nos diálogos de Platón, podedes visitar o sitio web de aula de filosofía. E se sodes amantes das matemáticas, suxírovos este video sobre o pato Donald e a sección áurea que está bastante ben para ver o papel desta ciencia nos pitagóricos e en Platón.








viernes, 7 de octubre de 2011

XUÍZO A SÓCRATES

A figura de Sócrates, a súa vida e todo o proceso que conducíu á súa morte foi recreado no mundo da arte infinidade de veces. Aquí vos deixo un fragmento da película de O mundo de Sofía, baseada na obra do mesmo título, de Jostein Gaarder (en 1991), no que se recolle o xuízo e condena a Sócrates. 
Neste fragmento utilízanse imaxes da película Sócrates, que dirixiu Roberto Rossellini en 1971 e que tamén está accesible na rede. 


Espero que o disfrutedes!

domingo, 25 de septiembre de 2011

Primeira parada: PLATÓN



Comezamos a nosa viaxe no tempo, en Historia da filosofía, mergullándonos no mundo da Antiga Grecia e axiña meterémonos en profundidades maiores para tratar sobre Platón. Como axuda  para esta empresa, tedes xa dispoñibles as presentacións desta primeira unidade (1,2,3) na pestana de Descargas. 

domingo, 18 de septiembre de 2011

INICIAMOS O CURSO...

...coa ilusión de emprender unha nova viaxe, unha nova etapa. Malia a que está caendo sobre o profesorado e a escola pública en xeral, chegamos con renovadas enerxías e uns pouquiños proxectos na maleta. Unha maleta que pretendemos ir enchendo co que vaiamos aprendendo xuntos ao longo deste curso. De todas e todos nós dependerá que cheguemos a facernos unha gran equipaxe abarrotada de prezados coñecementos e experiencias...

jueves, 19 de mayo de 2011

Cry Freedom...

Para quedármonos con bo sabor de boca no fin de curso de EFD (Ética e Filosofía do Dereito), déixovos aquí un bo traballo (un de tantos... :)) dos que se fixeron nesta clase durante o curso. Este é de Ramón Varela, sobre a película Grita liberdade, na que se nos narra a vida do activista antiapartheid Steven Biko.




Non perdades a vosa esencia!!

domingo, 8 de mayo de 2011

De visita en Santiago

Como xa é case costume no noso Departamento, este ano repetimos co alumnado de 1º de Bacharelato a visita ao Parlamento (alí asistimos a unha enconada discusión dos tres grupos parlamentarios en torno aos topónimos en galego). Foi o pasado martes, 3 de maio, á tardiña.
Pola mañá, achegámos a grandiosa (en un pouco desolada) Cidade da Cultura no monte Gaiás. A biblioteca, chulísima e creo que todo o mundo estará de acordo en que a rampa do final foi o máis divertido. Aquí deixamos as fotos que fixemos as profes.

Esperamos que lle teñades sacado proveito a toda a visita.