sábado, 31 de diciembre de 2011

Mercadiño de Comercio Xusto

En decembro, como xa vén sendo case costume, instalamos na entrada do instituto un posto de Comercio Xusto (lembrade que é unha forma de intercambio que promove o respecto aos traballadores e traballadoras  de paises en desenvolvemento garantindo unhas condicións laborais xustas). Tamén como nas ocasións anteriores, realizámolo con produtos da ONGD Solidaridade Internacional, a cal garante o cumprimento dos principios do Comercio Xusto neste proceso.
Aproveitamos desde aqui para agradecer ao profesorado colaborador e, sobre todo, aos rapaces e rapazas (de Diurno, Adultos, ESO e Bacharelato) que, co seu entusiasmo e constancia, fixeron posible unha magnífica venta, que superou ás anteriores. Felices festas!




lunes, 19 de diciembre de 2011

Os Dereitos Humanos

Este ano colgamos os trinta Dereitos Humanos na entrada do insti e realizamos un masivo envío de cartas para denunciar varios incumprimentos dos mesmos (en Corea do Norte, Turquía e Siria). 
Aquí vos deixo o enlace co sitio web de Amnistía Internacional, no que se explica un pouco sobre a situación nun campo de prisioneiros de conciencia en Corea de Norte, país que tan de actualidade se acaba de poñer pola morte do seu mandatario Kim Jong-il. 
Por certo, na biblio temos unha novela gráfica sobre Corea do Norte: Pyongyang, de Guy Delisle, que vos pode interesar. 


jueves, 1 de diciembre de 2011

Contra a violencia machista

Pasou o día contra a violencia machista (ou contra a violencia sexista, ou de xénero, ou doméstica, como queira que se lle chame). Foi o venres pasado, o 25 de novembro. Mais o problema das mulleres asasinadas por mor dos estereotipos que sobre as mulleres teñen algúns homes (e gran parte da sociedade con eles), segue aí. Neste ano imos polas 61 (credes que se ese fose o número de mortos por terrorismo estaríamos tan impasibles? acaso é menos grave a forma de matar?).
No xornal de hoxe aparece unha enquisa a Miguel Lorente, Delegado do Goberno para a Violencia de Xénero na que fai unha interesante análise sobre o tema. Podedes lela aquí.