sábado, 31 de diciembre de 2011

Mercadiño de Comercio Xusto

En decembro, como xa vén sendo case costume, instalamos na entrada do instituto un posto de Comercio Xusto (lembrade que é unha forma de intercambio que promove o respecto aos traballadores e traballadoras  de paises en desenvolvemento garantindo unhas condicións laborais xustas). Tamén como nas ocasións anteriores, realizámolo con produtos da ONGD Solidaridade Internacional, a cal garante o cumprimento dos principios do Comercio Xusto neste proceso.
Aproveitamos desde aqui para agradecer ao profesorado colaborador e, sobre todo, aos rapaces e rapazas (de Diurno, Adultos, ESO e Bacharelato) que, co seu entusiasmo e constancia, fixeron posible unha magnífica venta, que superou ás anteriores. Felices festas!




lunes, 19 de diciembre de 2011

Os Dereitos Humanos

Este ano colgamos os trinta Dereitos Humanos na entrada do insti e realizamos un masivo envío de cartas para denunciar varios incumprimentos dos mesmos (en Corea do Norte, Turquía e Siria). 
Aquí vos deixo o enlace co sitio web de Amnistía Internacional, no que se explica un pouco sobre a situación nun campo de prisioneiros de conciencia en Corea de Norte, país que tan de actualidade se acaba de poñer pola morte do seu mandatario Kim Jong-il. 
Por certo, na biblio temos unha novela gráfica sobre Corea do Norte: Pyongyang, de Guy Delisle, que vos pode interesar. 


jueves, 1 de diciembre de 2011

Contra a violencia machista

Pasou o día contra a violencia machista (ou contra a violencia sexista, ou de xénero, ou doméstica, como queira que se lle chame). Foi o venres pasado, o 25 de novembro. Mais o problema das mulleres asasinadas por mor dos estereotipos que sobre as mulleres teñen algúns homes (e gran parte da sociedade con eles), segue aí. Neste ano imos polas 61 (credes que se ese fose o número de mortos por terrorismo estaríamos tan impasibles? acaso é menos grave a forma de matar?).
No xornal de hoxe aparece unha enquisa a Miguel Lorente, Delegado do Goberno para a Violencia de Xénero na que fai unha interesante análise sobre o tema. Podedes lela aquí.

miércoles, 16 de noviembre de 2011

Día da Filosofía

No 2005 na Unesco acordaron que o terceiro xoves de novembro de cada ano se celebrase o día Mundial da Filosofía. E niso andamos. 
A súa finalidade -dinnos- é animar aos pobos do mundo a compartir a súa herdanza filosófica e abrir as súas mentes a novas ideas, así como a inspirar un debate público entre os intelectuais e a sociedade civil sobre os desafíos que enfronta a nosa sociedade. 
Déixovos un enlace cun artigo xornalístico do filósofo Víctor Gómez Pin, no que relaciona este Día da Filosofía cos Dereitos Humanos, en particular co dereito a unha educación entendida como desenvolvemento da personalidade, na que a filosofía ten moito co que contribuir. Pois como nos lembra este autor: "La filosofía tiene sus problemas específicos, archivados en los grandes textos de su historia, pero tales problemas son el resultado de que el ser humano ha experimentado siempre una suerte de estupor ante la naturaleza y ante su propia existencia, estupor que le lleva a interrogarse, traduciendo sus vacilaciones y respuestas en conceptos y símbolos."

lunes, 14 de noviembre de 2011

Cuestionario sobre áGORA"

Para o alumnado de Historia da Filosofía de 2º Bach, a continuación indico o cuestionario que ha de responder (voluntariamente) despois de visionar a película "Ágora", de Alejandro Amenábar. O traballo pódese enviar por correo electrónico ou entregarme na clase como máximo ata o 5 de decembro.  Espero que disfrutedes do seu visionado!



1. Resumo e ficha técnica da película.
2. Onde está situada a polis de Alexandría? Cales eran as súas principais construcións? (non esquezas investigar sobre a palabra “faro”).
3. Investiga un pouco máis sobre Hipatia.
   a) Recolle algunha información sobre ela que non apareza na película.
   b) A que corrente filosófica pertencía? En que século vivíu?
4. Quen era o pai de Hipatia?
5. Que é o cono de Apolonio?
6. Cal é o nome do Prefecto romano?Como é a súa relación con Hipatia?
7. Busca breve información sobre Aristarco de Samos (século en que vive, teoría explicativa do universo)
8. Busca breve información sobre Ptolomeo (século en que vive, teoría explicativa do universo)
9. Indica e describe brevemente tres escenas da película que che gustasen especialmente
10. Indica algúns temas sobre os que investigou Hipatia, segundo o filme.
11. Explica o por que do título da película.
12. Comentario ou opinión sobre a película en xeral.
* Este traballo poderá subir ata 0,5 ptos sobre a nota do exame de Aristóteles.

domingo, 6 de noviembre de 2011

Así vemos nós a caverna platónica

En 2º Bac B, este curso están artistas e algúns ofrécennos a súa particular reinterpretación do mito da caverna. Déixovos aquí a de Samuel Iglesias e a de Natalia Bello. É posible que se animen máis... (e por suposto tamén as publicaremos). 





Esperamos poder subindo aquí as nosas propias "notas a pé de páxina" á Historia da filosofía occidental (algo termos que dicir, ¿non si?). 



domingo, 23 de octubre de 2011

AS MÚLTIPLES INTELIXENCIAS

Como seguramente víchedes nas noticias, acaban de conceder o Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais a HOWARD GARDNER (1943-...). Este neurólogo é o autor da teoría das intelixencias múltiples, na que afirma que a intelixencia humana non é única (isto é, non é só lóxica matemática, que é o que miden os test de intelixencia). Define a intelixencia como a capacidade de resolver problemas ou elaborar produtos que sexan valiosos nunha ou máis culturas.  Cada individuo -dinos- posúe cando menos 8 habilidades cognoscitivas (primeiramente falou de sete intelixencias, e logo foi sumando outros tipos).
 Influiu moito en DANIEL GOLEMAN, de quen falamos na última clase de Ética, un psicólogo estadounidense que escribiu a difundida obra "Inteligencia emocional" (1995), na que desenvolve dous dos tipos de intelixencia de que fala Gardner: a intelixencia intrapersoal (capacidade do individuo para coñecerse a si mesmo, analizarse...) e a interpersoal (capacidade empática, de entender aos demais, poñerse no seu lugar...).  
Como doadamente se pode deducir, esta teoría é de gran relevancia para enfocar as prácticas  educativas e de aprendizaxe. 
Déixovos un enlace a un video no que se recolle unha entrevista con Gardner, na que el mesmo explica a súa teoría. 

domingo, 16 de octubre de 2011

MÁTRIX E O MITO DA CAVERNA

Sobre o mito da caverna platónico hai multitude de interpretacións e valoracións. Películas como Mátrix (1999) ou O show de Truman (1998), poden entenderse como recreacións do mesmo ou, cando menos, poden establecerse bastantes similitudes. Déixovos aquí un video no que se presenta un claro paralelismo entre a película de Mátrix e o mito da caverna. 




Se queredes penetrar un pouco máis directamente nos diálogos de Platón, podedes visitar o sitio web de aula de filosofía. E se sodes amantes das matemáticas, suxírovos este video sobre o pato Donald e a sección áurea que está bastante ben para ver o papel desta ciencia nos pitagóricos e en Platón.








viernes, 7 de octubre de 2011

XUÍZO A SÓCRATES

A figura de Sócrates, a súa vida e todo o proceso que conducíu á súa morte foi recreado no mundo da arte infinidade de veces. Aquí vos deixo un fragmento da película de O mundo de Sofía, baseada na obra do mesmo título, de Jostein Gaarder (en 1991), no que se recolle o xuízo e condena a Sócrates. 
Neste fragmento utilízanse imaxes da película Sócrates, que dirixiu Roberto Rossellini en 1971 e que tamén está accesible na rede. 


Espero que o disfrutedes!

domingo, 25 de septiembre de 2011

Primeira parada: PLATÓN



Comezamos a nosa viaxe no tempo, en Historia da filosofía, mergullándonos no mundo da Antiga Grecia e axiña meterémonos en profundidades maiores para tratar sobre Platón. Como axuda  para esta empresa, tedes xa dispoñibles as presentacións desta primeira unidade (1,2,3) na pestana de Descargas. 

domingo, 18 de septiembre de 2011

INICIAMOS O CURSO...

...coa ilusión de emprender unha nova viaxe, unha nova etapa. Malia a que está caendo sobre o profesorado e a escola pública en xeral, chegamos con renovadas enerxías e uns pouquiños proxectos na maleta. Unha maleta que pretendemos ir enchendo co que vaiamos aprendendo xuntos ao longo deste curso. De todas e todos nós dependerá que cheguemos a facernos unha gran equipaxe abarrotada de prezados coñecementos e experiencias...

jueves, 19 de mayo de 2011

Cry Freedom...

Para quedármonos con bo sabor de boca no fin de curso de EFD (Ética e Filosofía do Dereito), déixovos aquí un bo traballo (un de tantos... :)) dos que se fixeron nesta clase durante o curso. Este é de Ramón Varela, sobre a película Grita liberdade, na que se nos narra a vida do activista antiapartheid Steven Biko.




Non perdades a vosa esencia!!

domingo, 8 de mayo de 2011

De visita en Santiago

Como xa é case costume no noso Departamento, este ano repetimos co alumnado de 1º de Bacharelato a visita ao Parlamento (alí asistimos a unha enconada discusión dos tres grupos parlamentarios en torno aos topónimos en galego). Foi o pasado martes, 3 de maio, á tardiña.
Pola mañá, achegámos a grandiosa (en un pouco desolada) Cidade da Cultura no monte Gaiás. A biblioteca, chulísima e creo que todo o mundo estará de acordo en que a rampa do final foi o máis divertido. Aquí deixamos as fotos que fixemos as profes.

Esperamos que lle teñades sacado proveito a toda a visita.

jueves, 5 de mayo de 2011

Landra

Aquí vos deixamos o xornal Landra para que poidades escudriñar nel todo o queirades e comentarnos un pouquiño.







Xa dixéramos que o equipo traballou duramente. Aquí tedes unha proba do making of:








jueves, 28 de abril de 2011

Nace un novo xornal: LANDRA






Un magnífico equipo de redactores, fotógrafos, publicistas e maquetadores, de 2º Bac B e C, tras un arduo traballo na clase de Ética e Filosofía do Dereito, conseguíu sacar á luz o primeiro número do xornal LANDRA, no marco do programa de El país de los estudiantes.

Mañá venres, no 2º recreo, presentaremos o xornal e entregaremos exemplares a quen o desexen, nun acto conxunto coa revista ROTATIVA SAUDABLE, de bastante máis longa andaina, e -como sabedes- elaborada polo alumnado de Ciencias.
(Na biblioteca, por suposto).

Esperamos que o apreciedes!

miércoles, 27 de abril de 2011

O terceiro home

Aqui queda a análise moral feita por Miguel López sobre novela de Graham Greene, El tercer hombre. Podedes ver a versión cinematográfica realizada por Carol Reed, con Orson Welles, co mesmo título.

lunes, 11 de abril de 2011

A balada de Leboreiro


O tema do xeronticidio (consiste en abandonar aos maiores por cuestións de supervivencia ou por que son conciderados como unha carga), xurdíu a partir dun exercicio realizado na clase de antropoloxía. Estabamos estudando o ser humano e a súa alimentación e mandaronos ler un capitulo do libro de Marvin Harris,"Bueno para comer"; e a causa de ler este libro, xurdiron as diferentes costumes das tribus, as súas alimentacións e maílas calorías que lles aportaban e as que perdían conseguindo os alimentos.



Por esa razón vimos a película titulada "La balada de Narayama". A historia sitúase nunha illa de Xapón. Nesta película aparece o tema da alimentacíon,os traballos que pasaban para conseguir os alimentos e aparece o tema do xeronticidio. O argumento consiste na historia duhna familia que vivía nunha aldea, e alí vese reflectido como nesta familia trátase o tema do xeronticidio , é dicir, a señora maior ten que ir morrer ao monte de Narayama porque asi deciao a sua relixíon; pero había persoas maiores que non querían ir morrer ao monte e isto era unha vergoña para o seu pobo.



Despois de mirar a película buscamos infomación sobre esta, e atopamos un blog no que poñía que unha rapaza falara cun amigo do seus pais, Isaac Ferreira (escritor e poeta), e que este comentaralle que fillera un estudo sobre o xeronticidio nas costumes galego-portuguesas. Logo deronos unhas fichas sobre a eutanasia familiar primitiva no folclore galego-portugues extraídas do libro " Etnografía e folclore de Galicia" Ed.Xerais, onde menciona "O Picoto do pai". O libro recolle canciós e ditos nos que se fala de que neste lugar cándo a xente maior rozaba unha idade os seus fillos poñianos nun carro e levabanos a un monte deserto, deillándolles unha manta e un anaco de pan. Por un artigo do suplemento de La Región sabemos que tamén se fala do asunto en Pontevedra nun sitio chamado "Chan dous Marcos" no que pasou algo similar ; e máís en "Azueira" e na "Raia Seca"




Algunhas preguntas da entrevista poden ser:


* Vostede sabe en que época mais ou menos ocorreu os casos de xerontocidio neste lugar?


* Sabe se había algunha persoa que se negara a subir a montaña?


* Por que sabe de onde sabe sae esa información? Quen lla contuo?


* De onde partia esa tradición?


* De que viviu esa xente? Do campo?


* Sabe vostede se tiñan que seguir unha ruta planificada ou bastaba con subir ao monte?


* Tiña que ser algun familiar epecial ou valia calquera ?


* Por que se deixou de facerse esta tradición nesa zona?


* Cando subían as persoas a montaña deixaban algun tipo de pertenzas ou alimentos?


* Cómo subían á xente a montaña ?


* Canto tempo lle levaba subir as persoas maiores?


* A partir de que anos subían aos maiores a montaña ?


* Subían os homes e as mulleres a montaña cando se facían maiores?


* Subían as persoas maiores nalgunha estación do ano en contreto?


jueves, 7 de abril de 2011

Estivo con nós CARME ADÁN


O pasado luns na biblioteca un variado grupo de rapaces e rapazas -4º ESO e 1º e 2º Bac -puido escoitar á deputada do Parlamento galego Carme Adán. Tomando como punto de partida o dato que na actualidade tan só un 1% das mulleres acceden a cargos políticos importantes e tan só outro 1% teñen máis ben que os homes, C. Adán rastreou o acontecido neste respecto desde a antigüidade grega ata os nosos días deténdose especialmente na Revolución francesa, a Segunda república española, o franquismo e posterior democracia. Se cadra, o máis ilustrativo foron os dous vídeos cos que rematou: primeiro, uns rapeiros varóns ("cumprindo" con todos os tópicos do home potente e muller-floreiro) e logo, unhas rapeiras mulleres (rompendo coas representacións habituais do feminino, amosándose activas e pouco preocupadas por lucir un físico prototipicamente feminino). Foi unha pena non ter tempo para o debate, que podería ter dado para moito! En calquera caso, conseguimos que o día das mulleres non se quede só no 8 de marzo... e as discusións continuarémolas nas aulas, ou fóra delas.

miércoles, 23 de marzo de 2011

Un anuncio dos dereitos Humanos

En Cidadanía estivemos falando un pouco dos Dereitos Humanos na clase. No exame houbo que darlle un pouco máis de voltas e Lydia Rey foi capaz, mesmo coa "tensión" do momento, de botarlle imaxinación e propoñer este anuncio publicitario:


¡Vai mesmo coas correccións da profe!! (...que non sabe estar co rotu parado). ¿Temos a una futura publicista na aula?

viernes, 11 de marzo de 2011

kant xa está dispoñible


O curso avanza e nós tamén coa nosa historia da filosofía. Atopámonos xa en plena Ilustración, e coñecerémola coa guía de Inmanuel Kant. Na zona de "Descargas" atoparedes novos materiais que pretenden servir de axuda para mergullarse neste tema sen medo e sen maiores problemas.

lunes, 21 de febrero de 2011

Youtube vén na vosa axuda...


De cara á preparación do exame de Filosofía moderna I (Descartes, Hume, Locke), deixámosvos tres enlaces para mergullarse noutros tantos vídeos que poden aclararvos algúns aspectos do tema. E se vos animades a ver as pelis completas de Galileo ou Lutero, mellor que mellor...
- Para a ciencia moderna, o momento da abxuración de Galileo, na película "Galileo", dirixida por Liliana Cavani en 1969.
- En relación á Reforma protestante, o trailer da película sobre a vida de Lutero, dirixida por Eric Till en 2003 (témola na biblioteca).
- E, por último, para repasar a David Hume, estaría ben ver o vídeo didáctico do Dr. Mostaza (hai doutros autores; podedes seguir investigando).


martes, 1 de febrero de 2011

Traballando no campo

O traballo de campo diferénciase da maioría dos procesos científicos polas dificultades que presenta examinar experimentalmente a un grupo de persoas. O antropólogo ou a antropóloga debe olvidar calquer aspecto asumido de xeito previo e estar disposto a replantexar conceptos tales como a amizade ou o ben e o mal dentro do contexto dunha nova cultura. Aqui temos o froito do traballo de campo realizado polo antropólogo Pablo de primeiro de bacharelato. Apunta maneras. Comprobádeo.

A Cosmoloxía moderna


O universo é fascinante e misterioso. É unha constante na mente humana tanto para potenciar a imaxinación, facerlle ter medo, desafiar o seu intelecto, etc.. Aqui queda unha pequena mostra dunha das aventuras mais interesantes, dun intento por controlar o azar, por dominar o infinito. Copernico, Kepler, Galileo son os seus protagonistas e así resumen este anaco da súa historia Andrea, Tamara e Rosa.



jueves, 27 de enero de 2011

Paz, peace, pace, paix...



Un 30 de xaneiro de hai moito (en 1948, se buscamos precisión) morreu un home asasinado (en Nova Delhi, India)..., como todos os días en calquera lado. Este lembrámolo aínda, moitos outros non. Lembrámolo porque era e presentábase como un home de paz, que morreu da forma máis antitética coa súa forma de vida: con violencia. Ser de paz non significou para el ser indiferente ou apático, senón extremadamente loitador e convencido das súas ideas (como todas, ás veces discutibles). E inventou formas de loita que agora nos parecen comúns: folgas de fame, sentadas... Conseguiu bastante (colaborou na independencia do seu pais, ata entón colonia británica, os seus métodos foron e son imitados en numerosas ocasións), pero a violencia estaba e está tan enraízada nas sociedades e no mundo que falar de paz nos soa demasiado a utopía.

En fin, todo isto para dicir que penso que Gandhi aínda nos pode dar algunhas leccións. Se queredes saber máis, podedes ir ao blog de bibliotecalandra -"materiais ardora" e aí veredes algúns xogos sobre Gandhi e outros pacifistas. Tamén podedes animarvos a ver a peli sobre
el (déixovos a ligazón co comezo do filme,
co seu asasinato).




domingo, 9 de enero de 2011

Ano novo, materiais novos

Animámovos a que visitedes a pestana de "Descargas" para retomar o curso con novas ganas. Alí hai presentacións sobre Filosofía medieval (para Historia da Filosofía, 2º Bac), algo sobre Autonomía e moralidade (Ética e Filosofía do Dereito) e tamén en torno ao ser humano no plano biolóxico e cultural (Filosofía 1º Bac). Para 1º Bac A, está o listado de temas para os traballos.