martes, 3 de abril de 2012

Na procura dos nosos ancestros (... e pasándoo ben)

De  mércores a venres (28 a 30 de marzo) andivemos  polo norte peninsular  á descuberta de novas paisaxes, novas xentes, novos lugares. 
O primeiro día chegamos ao parque da natureza de Cabárceno  cara ao mediodía. Ali encontramonos con moitos animais exóticos como as cebras, os tigres, os osos pardos cos seus oseznos, as cebras de Grevy,,, e mesmo con elefantes que posaron amorosamente para nós. 




Esa tarde aínda deunos tempo a dar unha volta pola pedregosa Santillana del Mar e chegamos á noitiña a Comillas, onde durmimos (ou pasamos a noite, pois sospeito que houbo bastantes insomnes). 

O xoves pola mañá camiñamos por Comillas, vimos o Concello, o vello e o novo, sacamos unha preciosa foto de grupo nas  escaleiras do palacio de Sobrellano e logo uns poucos vimos o Capricho de Gaudí, outros a Universidade e outros máis achegáronse  á praia, ao lado do cemiterio antigo.




Logo dun picnic rápido fomos ata as covas de Altamira (a Neocueva), onde nos ilustraron varias guías sobre as pinturas rupestres do periodo magdaleniense, sobre bisontes, cabalos, mans... Ao saír había quen xa non podía moito co seu corpo e tivo que botar unha sestiña.




Ao atardecer chegamos a Burgos, e vimos a catedral rodeada de manifestantes de CCOO, da CNT, reivindicativos pero en plan tranquilo. 


O venres á mañá tocou visitar o museo da evolución humana  ás beiras do río Arlanzón e logo os xacementos de Atapuerca, cunhas magnificas guías que creo que nos comunicaron a todos as ganas de ser arqueólogos (un tanto diferentes a Indiana Jones). 


No xantar as amigas de Sara Souto sorprendérona cunha tarta para celebrar o seu 18 aniversario. De volta no bus repasamos e profundamos no aprendido cun cuestionario ao que había de responder mergullándose no libriño guía que elaborou o profe Alberto para toda a viaxe. Houbo moitos gañadores (de chocolatinas e ovos kinder) e nel ata Stefan estruxou as neuronas.


En fin, ata aquí unha breve crónica desde un particular  punto de vista. Vós aportaredes máis.


1 comentario:

  1. Fabulosa a crónica; pero o de Stefan creo que xa é ciencia-fición...

    ResponderEliminar