lunes, 21 de febrero de 2011

Youtube vén na vosa axuda...


De cara á preparación do exame de Filosofía moderna I (Descartes, Hume, Locke), deixámosvos tres enlaces para mergullarse noutros tantos vídeos que poden aclararvos algúns aspectos do tema. E se vos animades a ver as pelis completas de Galileo ou Lutero, mellor que mellor...
- Para a ciencia moderna, o momento da abxuración de Galileo, na película "Galileo", dirixida por Liliana Cavani en 1969.
- En relación á Reforma protestante, o trailer da película sobre a vida de Lutero, dirixida por Eric Till en 2003 (témola na biblioteca).
- E, por último, para repasar a David Hume, estaría ben ver o vídeo didáctico do Dr. Mostaza (hai doutros autores; podedes seguir investigando).


martes, 1 de febrero de 2011

Traballando no campo

O traballo de campo diferénciase da maioría dos procesos científicos polas dificultades que presenta examinar experimentalmente a un grupo de persoas. O antropólogo ou a antropóloga debe olvidar calquer aspecto asumido de xeito previo e estar disposto a replantexar conceptos tales como a amizade ou o ben e o mal dentro do contexto dunha nova cultura. Aqui temos o froito do traballo de campo realizado polo antropólogo Pablo de primeiro de bacharelato. Apunta maneras. Comprobádeo.

A Cosmoloxía moderna


O universo é fascinante e misterioso. É unha constante na mente humana tanto para potenciar a imaxinación, facerlle ter medo, desafiar o seu intelecto, etc.. Aqui queda unha pequena mostra dunha das aventuras mais interesantes, dun intento por controlar o azar, por dominar o infinito. Copernico, Kepler, Galileo son os seus protagonistas e así resumen este anaco da súa historia Andrea, Tamara e Rosa.



jueves, 27 de enero de 2011

Paz, peace, pace, paix...



Un 30 de xaneiro de hai moito (en 1948, se buscamos precisión) morreu un home asasinado (en Nova Delhi, India)..., como todos os días en calquera lado. Este lembrámolo aínda, moitos outros non. Lembrámolo porque era e presentábase como un home de paz, que morreu da forma máis antitética coa súa forma de vida: con violencia. Ser de paz non significou para el ser indiferente ou apático, senón extremadamente loitador e convencido das súas ideas (como todas, ás veces discutibles). E inventou formas de loita que agora nos parecen comúns: folgas de fame, sentadas... Conseguiu bastante (colaborou na independencia do seu pais, ata entón colonia británica, os seus métodos foron e son imitados en numerosas ocasións), pero a violencia estaba e está tan enraízada nas sociedades e no mundo que falar de paz nos soa demasiado a utopía.

En fin, todo isto para dicir que penso que Gandhi aínda nos pode dar algunhas leccións. Se queredes saber máis, podedes ir ao blog de bibliotecalandra -"materiais ardora" e aí veredes algúns xogos sobre Gandhi e outros pacifistas. Tamén podedes animarvos a ver a peli sobre
el (déixovos a ligazón co comezo do filme,
co seu asasinato).




domingo, 9 de enero de 2011

Ano novo, materiais novos

Animámovos a que visitedes a pestana de "Descargas" para retomar o curso con novas ganas. Alí hai presentacións sobre Filosofía medieval (para Historia da Filosofía, 2º Bac), algo sobre Autonomía e moralidade (Ética e Filosofía do Dereito) e tamén en torno ao ser humano no plano biolóxico e cultural (Filosofía 1º Bac). Para 1º Bac A, está o listado de temas para os traballos.


miércoles, 15 de diciembre de 2010

Comercio xusto


Comeza hoxe no noso insti un mercadiño de comercio xusto, da man da ONG Solidaridade Internacional. Como seguramente sabedes, o comercio xusto nace como unha alternativa ao comercio tradicional para tratar de evitar as inxustizas que este frecuentemente provoca. Isto é, pretende ser un intercambio con bases éticas (e respectando os Dereitos Humanos....), no que se exclúen prácticas como o traballo infantil, horarios desmedidos e en xeral todo tipo de explotación. O obxectivo non é, pois, que o prezo final sexa o máis barato do mundo, senón que quen produce, quen vende e quen compra poidan realizar un intercambio no que todas as partes saian beneficiadas, sen enganos nin explotación (como din en inglés, fair trade, comercio limpo, no sentido de "xogo limpo").
¡Animádevos a mercar e vender limpamente nos recreos!